FIN DE TEMPADA- ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

Cangas, 17 de xullo de 2010

Un ano máis, xa estamos en xullo e festexando, máis que o remate da tempada, a chegada das vacacións, pois a tempada non acaba ata outubro.
Como xa tiñamos anunciado, no día de hoxe levouse a cabo a entrega de agasallos ós atletas máis destacados do Club. E como neste día todo é alegría, vouvos propoñer un xogo. A continuación faremos un resumen do que pasou nesta xornada, pero no texto aparecerán sete erros ou mentiras que debes atopar. En canto os atopes mándaos o correo do Club (at.viladecangas@terra.es). Entre todas as mensaxes recibidas coa resposta correcta sortearemos unha camiseta e unha gorra do Vila de Cangas asinada pola persoa/s relacionada/s có noso club que ti designes (sempre e cando el/ela acceda).

Este é o resumen:
Pasados uns minutos das cinco da tarde, hora programada para o evento, reúnense no Auditorio de Cangas os atletas destacados da presente tempada, así como familiares e amigos que quixeron comparecer.
A presidenta, Dª Mari Carmen Parada Martínez, presenta ós membros da corporación do Concello que lle fan facer entrega dos agasallos ós atletas. Tratase de D. José Enrique Sotelo, Dª Begoña Pérez e a concellal de deportes Dª Toñi Queimaño.
Fóronse chamando ós atletas destacados de cada categoría empezando polos benxamíns e rematando polos veteranos.
Esta tempada houbo logros moi bos. Foron moitos os atletas que foron ó campionato de España, tanto por equipos como individualmente. O logro máis destacado a nivel individual foi o conseguido pola cadete Raquel Villa, con dúas medallas de bronce no campionato de España. A nivel de equipos, o logro máis destacado foi o do equipo xuvenil-xunior masculino que se proclamou campión da fase previa do campionato de España, clasificándose para á final.

O final da entrega, Dª Begoña Pérez agradeceu ós nosos atletas por levar o nome da Cangas polo mundo adiante. Tamén D. Enrique Sotelo tivo palabras de agradecemento e ánimo para os asistentes.
Logo pasamos a facer a xa tradicional foto de familia có Concello de fondo.
Chegados á hora da asemblea, foi asombrosa a numerosa participación de socios. Completouse o aforo.
Como primeiro punto do día estaba a lectura e aprobación da acta anterior.
Logo, a presidenta tomou a palabra para dar conta da reunión que esta mesma mañá tiveron os representantes dos clubs coa Fundación. Explicou que a subvención que esta aporta para o pasado ano 2009 faixe en dous prazos. O primeiro xa está pagado dende principios de ano, o segundo prazo, dixeron na reunión, que se intentaría pagar en agosto ou setembro. En canto a subvención do presente ano, sairán as bases da subvención cunha baixada de entre un 15 e un 40 por cento de redución, pero como contrapartida, faranse efectivas de inmediato, nada máis concedidas.
A continuación tomou a palabra o tesoureiro para dar conta do estado das contas. Pese a crises que sufrimos e que aínda non cobramos o segundo prazo da subvención, grazas á venta das rifas e algunha outra cousa, a estas alturas do ano, temos, con respecto ó ano pasado polas mesmas datas, aproximadamente 5000 € máis en conta.
Por último, acordouse se fará unha asemblea extraordinaria para tratar da conxelación ou baixada das cotas de socios.

Pola noite, no Restaurante Capitán tivo lugar unha divertida cea que algúns aproveitaron para celebrar cumpreanos, aniversarios de voda, pactos de fichaxes para a vindeira tempada (houbo ata quen conseguiu fichar a cambio dun apartamento en Ibiza),etc.
A xente estaba tan contenta, que mentres os fogos da festa de Santa Mariña brillaban no ceo, un/unha aproveitou para saltar na cama elástica dos rapaces, lembrando os xa case esquecidos anos desa etapa.

AQUAPARK. ACTO DE ENTREGA DE AGASALLOS. ASEMBLEA XERAL. CEA.

Este sábado, 10 de xullo, ás 10 horas, os máis pequenos do Vila de Cangas irán pasar o día a Aquapark, en Cerceda. Os atletas destacados desta tempada irán invitados polo Club, os demais tamén poderán ir, pero terán que pagar a súa entrada. En calquera caso, teñen que apuntarse previamente o antes posible para reservar a súa praza.
Podedes consultar a lista de atletas destacados nesta mesma páxina. Considéranse atletas destacados os seguintes:
En benxamíns: todos os que teñan podio individual ou por equipos en campionatos provinciais.
Nas demais categorías: todos os que teñan podio individual ou por equipos nos campionatos galegos.
Si, consultado o listado de atletas destacados, alguén non se atopa nel e pensa que ten méritos para estalo, debe polo en coñecemento do adestrador, da Xunta directiva ou enviar un correo o seguinte enderezo: at.viladecangas@terra.es .

No seguinte fin de semana, a Xunta directiva do Vila de Cangas, ten a honra en invitar a todos os socios, atletas e simpatizantes do Vila de Cangas, ó acto de entrega de agasallos ós atletas do Club destacados en campionatos provinciais, autonómicos, nacionais e mesmo internacionais que se celebrará no salón de plenos do Concello de Cangas o vindeiro 17 de xullo, a partir das 17:00 horas.
Ó remate deste acto o Club celebrará a Asemblea Xeral Ordinaria anual na que poden e deben participar todos os socios/as.
E xa como remate, e para entregarnos ás vacacións, pola noite celebrarase unha cea a que estarán convidados os adestradores e os atletas destacados das categorías cadete e superiores. Ademais poderán asistir a dita cea (pagando) os membros da xunta directiva, socios, simpatizantes e amigos do Vila de Cangas que así o desexen. Para asistir a esta cea, tanto os convidados como os que vaian pagando , deberán confirmar a súa asistencia antes do luns 12 de xullo avisándollo a presidenta Mari Carmen, a Isaura ou mandar un correo a at.viladecangas@terra.es .

CAMPIONATO DE ESPAÑA XUNIOR

Castellón, 3 de xullo de 2010.
Ata o outro lado da península desprazouse a única representante do Vila de Cangas, Rebeca Obenza Otero, para participar nos 10 km marcha feminino do Campionato de España Xunior.

Rebeca Obenza Otero conseguiu clasificarse entre as 7 primeiras, cun tempo de 57.33.29
A pesar de ser unha proba madrugadora a calor fixo acto de presencia desde o inicio da proba, co resultado do abandono de varias atletas, a gañadora da proba foi a Atleta SAndra Yerga ,sendo descalificadas varias atletas por acumulación de tarxetas.

CAMPIONATO DE ESPAÑA CADETE

Pamplona. 26-27 de xuño de 2010.
Este xoves 25 de xuño, ás nove da mañá en Pontevedra, collemos un bus xunto con outros atletas galegos rumbo a Pamplona. Iamos participar no Campionato de España individual. A viaxe fíxosenos longa; tanto que chagamos alí ás nove e case non nos dá tempo a confirmar. Por sorte, a cousa foi a mellor, especialmente cando vimos as nosas habitacións, que non houbo quen se queixase daquel luxo. Logo, xa comezaron a vir os nervios previos pero iso non impediu que nos deixáramos de divertir cos demais atletas e entrenadores.
A primeira en competir foi Aida Amoedo quen o sábado pola mañá conseguiu pasar á final dos 300m.l., proba na que o domingo acadou un excelente sexto posto. Pola tarde tocoulle o turno a Antía Román, quen logrou un doceavo posto na xavelina, algo decepcionada por non chegar a súa marca. O mesmo lle pasou a Pablo Castro en disco e alcanzou un décimo posto. Sen embargo, Raquel Villa realizou un último gran lanzamento, ¡proclamádose terceira! E o domingo chegara a hora de Mar Chillón, que superou a súa marca en pista nos 3km marcha e conseguiu así un décimo posto. E por último, Pablo Castro en peso, quen manténdose na súa marca quedou séptimo. Deste xeito, os do Vila figuramos no posto 43, sendo 131 clubes participantes.
Finalmente, emprendemos o noso camiño de regreso e aínda que cansados, con gañas de seguir entrenando para a seguinte temporada.

4º TROFEO AVA “MEMORIAL EUGENIO TORRES”

Vigo, 11 de junio de 2010
En esta ocasión, non esperamos a sábado para ir competir. Este trofeo foi organizado para un venres pola tarde, e menos mal que era venres e o día seguinte non había clase, porque rematou bastante tarde.
O Vila de Cangas foi un dos clubs que máis atletas aportou, sobre todo entre os máis pequenos.
De todos os atletas participantes do Vila de Cangas, o que máis proveito lle sacou foi o cadete Pablo Castro, que conseguiu marca para o campionato de España en disco. Xa a tiña para participar en peso.
Os resultados foron:
Alevín homes:
Jorge Piñeiro Garrido: 1º en lonxitude, 2º nos 60 m.l.
Gabriel Fernández González: 2º en lonxitude, 4º nos 60 m.l. Seguir leyendo

III MARCHA POPULAR ANDAR E CORRER

A Fundación Cangas Deporte ten o pracer de convidarlles a participar na III MARCHA
POPULAR ANDAR E CORRER, que terá lugar o vindeiro domingo, día 20 de xuño, a partires das
10.00 h na Alameda Vella de Cangas.
A proba será de carácter popular e estará aberta a todo tipo de participantes,
independentemente da sua idade. A inscrición (gratuita) para poder participar realizarase a
partir das 09.30 h, na Alameda Vella, o mesmo día do evento. No momento de inscribirse os
asistentes recibirán de agasallo unha camiseta representativa da marcha popular.
A organización ten previsto establecer dous circuitos en función dos obxetivos dos participantes:
 CIRCUITO CORRER: ALAMEDA VELLA – DESVÍO FRIGORÍFICOS – VOLTA AREAMILLA – DESVÍO
CONGORZA – DESVÍO PRAZA DE ABASTOS – PASEO MARÍTIMO – CASA DA CULTURA – AVENIDA F. OZÁMIZ
– AVENIDA CASTELAO – RUA EDUARDO VINCENTI.
 CIRCUITO ANDAR: ALAMEDA VELLA – DESVÍO FRIGORÍFICOS – VOLTA FÁBRICA MASSÓ – DESVÍO PRAZA
DE ABASTOS – PASEO MARÍTIMO – CASA DA CULTURA – AVENIDA F. OZÁMIZ – AVENIDA CASTELAO – RUA
EDUARDO VINCENTI.
Unha vez rematado o percorrido e haber recuperado as forzas terá lugar un sorteo onde se
entregarán varios agasallos entre os participantes máis afortunados.

CAMPIONATO GALEGO ESCOLAR ALEVÍN INFANTIL

Pontevedra, 5 de xuño de 2010
Volvemos ás pistas de Pontevedra para competir nun Campionato Galego, pero esta vez é o individual. Todos van moi contentos xa que é mérito deles estar aí. En cada proba só poden participar os podios provinciais e os catro atletas que teñan as mellores marcas do ranking. Esta maneira tal vez non sexa a máis xusta, xa que nen@s con mellores marcas que algún podio quedan fora da competición, pero hai que por un baremo que sexa o máis xusto posible.

Tivemos un bo día de verán.
Os militares sorprendéronos a todos ó se achegaren ata as pistas para montar o comedor para xantar todos os atletas e os seus delegados . Pola tarde tamén recibiron una bolsa coa merenda e bebida e una mochila para lembrar o seu paso por esta competición.
Os resultados foron:
Alevín homes:
Gabriel Fernández González: 7º en 60 m.l.
Jorge Piñeiro Garrido: 4º en 60 m.l. e 6º en 500 m.l.
David Lorenzo Germade: Subcampión galego en altura, 4º en 2000 m.l.
Andrés Obenza Otero: 5º en marcha
Martín Pérez Bacelar: medalla de bronce en peso
Samuel Alonso Gil: 6º en peso
Alevín mulleres:
Alba Vidal Soliño: medalla de bronce en 1000 m.l.
Noa García Prieto: medalla de bronce en marcha, 4ª en peso
Infantil mulleres:
Estela Costas Gandón:Subcampiona galega de probas combinadas
Noa Rouco Baqueiro : medalla de bronce nos 500 m.l. , 6ª en 80 m.l.
Noelia Graña Casas: 5ª en 3000 m.l., 13ª en altura
Paula Martínez Fernández: 6ª en 80 m.v., 10ª en lonxitude
Alexia Vidal Martínez: subcampiona galega en altura, 5ª en lonxitude e 8ª en 80 m.v.
Esmeralda Corredoira Herbello: 6ª en marcha
Carla Bernárdez Miranda: Campiona galega en peso, subcampiona galega en disco, 5ª en xavelina
Johana Villar Parada: 5ª en peso, 5ª martelo, 9ª en disco

Infantil homes:
Oscar Iglesias Menduiña: 4º en triplo, 6º en 150 m.l.
Raúl Dacosta Santome: Subcampión galego en triplo, 7º en lonxitude, 9º en 150 m.l.
Óscar Broullón Sotelo: 5º enn disco, 6º en peso, 15º en xavelina
Anxo Rodas Arca: 10º en peso

CAMPIONATO GALEGO DE VETERANOS

Ourense, 5 de xuño de 2010
Os nosos atletas máis veteranos viaxaron ata Ourense para celebrar o campionato galego.
Jacinto Fandiño Pola subiuse o máis alto do podio para que lle colgaran a medalla de ouro pola súa actuación en salto de altura. Este non foi o único metal que se trouxo para Cangas, porque en lanzamento de xavelina conseguiu o bronce. En canto a súa actuación en lonxitude, quedou cuarto.
Carlos Bernárdez Piñeiro non quixo ser menos e tamén se subiu ó último escalón para que lle colgaran a medalla de ouro polo seu lanzamento de disco, logo baixou un pouquiño e quedou no escalón medio para recibir a medalla de prata polo seu salto de lonxitude. Non puido subir en peso, onde quedou cuarto.
A única representante do noso club, Belén Lemát Cabral, tamén lanzou disco e conseguiu proclamarse subcampiona, o mesmo título que acadou nos 400 m.l. En cambio, proclamouse campiona nos 1.500 m.l.

CAMPIONATO DE ESPAÑA CADETE POR AUTONOMÍAS

Lloret del Mar, 5/6 de xuño de 2010.

Catro dos nosos atletas viaxaron coa selección galega ata Lloret del Mar para disputar o campionato de España Cadete en pista ó aire libre.
O equipo galego masculino quedou 6º e contou coa axuda do noso atleta Pablo Castro Chapela, quen tivo unha actuación magnífica ó quedar cuarto de todos os participantes en peso.
A actuación das mulleres galegas non foi tan boa, pero tampouco está mal. Remataron novenas. Contou coa asistencia de tres das nosas atletas. Aida Amoedo fixo os 300 m.l. e rematou segunda da final B. Antía Román Sotelo estreouse coa selección acadando o oitavo posto na xavelina. Raquel Villa Carracelas deulle para a selección galega o seu quinto posto en peso.

O NOSO MÁIS SENTIDO PÉSAME

A familia do Club Atletismo Vila de Cangas (atletas, adestradores e xunta directiva ) quere expresar o seu sentido pésame a familia da nena María Prieto Pérez, falecida hoxe na nosa localidade. O sepelio será o venres día 11 as 5:30 da tarde.
O cross que estaba programado para domingo 13 de xuño no colexio de San Roque, queda suspendido.